Folga xeral do 11 de novembro: salarios dignos e vivenda accesible
UGT convoca unha folga xeral de 24 horas este mércores 11 de novembro para reclamar salarios dignos, convenios colectivos desbloqueados, acceso a unha vivenda accesible e mellores condicións laborais.
Baixo o lema «Se o traballo non dá para vivir, paramos o país», a convocatoria denuncia que o incremento do custo da vivenda e dos prezos non está sendo acompañado por unha evolución equivalente dos salarios, o que dificulta cada vez máis que as persoas traballadoras poidan desenvolver unha vida digna.
Entre as principais reivindicacións da convocatoria atópanse:
- Incrementos salariais dignos, con especial atención aos salarios máis baixos.
- Desbloqueo dos convenios colectivos paralizados.
- Ampliación do parque público de vivenda e alugueiros accesibles.
- Limitación dos prezos do alugueiro nas zonas tensionadas.
- Protección fronte aos desafiuzamentos.
- Avance na redución da xornada e mellora das condicións laborais.
A convocatoria non se dirixe contra ningún partido político, senón que reclama solucións das administracións públicas, dos gobernos e das organizacións empresariais responsables de negociar e desbloquear os convenios.
Servizos mínimos na Universidade de Vigo
A Xerencia da Universidade de Vigo publicou no taboleiro electrónico da institución a instrución relativa aos servizos mínimos aplicables durante a xornada de folga.
As persoas interesadas poden consultar a resolución completa na seguinte ligazón:
Consultar a publicación sobre os servizos mínimos no taboleiro electrónico da UVigo
Recomendamos consultar directamente a documentación oficial para coñecer os servizos afectados e as condicións concretas establecidas pola Universidade.
Polos nosos salarios, pola nosa vivenda e polo noso futuro.
O 11 de novembro, mobilízate!
